www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 7 de Xullo de 2020

O Concello busca solución para axilizar a ampliación da ponte sobre a vía en Saxamonte
Política • 16/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local ten solicitado os pertinentes informes ao director de obra e á empresa construtora para aclarar as circunstancias da demora na execución da obra no barrio de Casal do Monte, logo de que os veciños da parroquia lle trasladaran a súa "preocupación e malestar" polo atraso acumulado no prazo de execución nesta ampliación do paso superior de ADIF.


Esta situación, segundo o goberno, non fai máis que amosar a "irresponsabilidade e falta de rigorosidade do anterior Goberno do PP na contratación dos proxectos de obra". Queda claro, aseguran "que o único propósito dos populares no último ano de mandato, era sacar obras arreo cun claro fin electoralista".


Este proxecto, sumado á instalación dun Centro Social en Quintela, denunciado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; o saneamento de Agrelo, denegado por Patrimonio ou as obras do Camiño do Cuco, pendentes de autorización de fomento dende hai máis dun ano "son mostra evidente do desleixo do goberno do PP e do claro intento de enganar á veciñanza".


Á vista desta situación, o Goberno local optou por "traballar con moita cautela, atrasando o inicio dalgunhas obras de cara a estudar minuciosamente os proxectos contratados polo PP".


A alcaldesa Digna Rivas considera "cando menos curioso" que un mesmo arquitecto externo fora o que "redactou os proxectos do PP, máis de 30 nos últimos dous anos, o que supón case a totalidade dos proxectos presentados no Concello de Redondela".


Para o Goberno local, a obra de ADIF, "é un capricho do exalcalde Javier Bas" xa que, os traballos ían ser asumidos, nun primeiro momento e polas súas características, pola propia ADIF". O proxecto, imposto por ADIF, contempla a ampliación do paso superior ata os 8,30, metros co fin de aumentar a súa capacidade e a seguridade viaria dos peóns, ademais de prever a construción dun muro de contención de terras no noiro norte duns 7 metros de alto e 30 de longo.


"A dificultade de execución das obras, a restricións horarias impostas por ADIF que só permiten 6 horas de traballo diario, o mal tempo e a falta de en canto resolución de contratempos como a retirada de terra, están a retrasar notablemente a finalización das obras, que xa foron obxecto de ampliación", explica o Concello de Redondela.


A obra que foi adxudicada a principios do mes de maio, "xa afora obxecto dun expediente anterior no ano 2017, pero quedara deserta no proceso de adxudicación", conclúe o Goberno redondelán.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: