www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 8 de Abril de 2020

Denuncian aliñación indebida do Campito por unha futbolista de 9 anos que xoga coas infantís
Deporte • 13/12/2019
Autor: Ana Prieto

Crystal Almeida leva toda a temporada xogando co equipo de Chapela, compartindo pista con xogadoras de 12 e 13 anos. A situación é coñecida polos demais equipos da liga. No club lamentan que, tras a vitoria ante o Poio Pescamar, o equipo pontevedrés decidiu denuncialos.


Aducen uns artigos do regulamento de fútbol que especifican que un neno de base non pode saltar dúas categorías. Desde o Campito o seu presidente, Iago Fernández, sinala que van acudir ao Comité de Competición a expor os seus argumento. Advirte que esa normativa do fútbol "non é aplicable ao fútbol sala", xa que existen precedentes de nenas de trece e catorce anos xogando en categoría sénior. Entende que "se esas nenas poden xogar con outras de dezanove, unha de nove pode estar coas de trece". No caso de Crystal, o club decidiu facerlle ficha de infantil porque non existe competición feminina na categoría benxamín, que sería a que lle corresponde por idade. Pero máis aló de cuestións legais, o que lamentan no Campito é que "sería un prexuízo moi grande para a nena que lle anulen a ficha e non poida xogar". E en segundo lugar, considérano "unha falta de xogo limpo" por parte do Poio Pescamar que, despois de perder un partido, reclama aliñación indebida "por unha nena máis pequena". Ademais entenden que a Federación debe asumir a situación "porque foron eles quen autorizaron a ficha". En principio, o caso verase o vindeiro xoves no Comité de Competición da Federación Galega, na Coruña.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: