www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 5 de Xullo de 2020

O Colexio de Arquitectos denuncia o proxecto do Centro Social de Quintela por infrinxir a lei
Política • 5/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local explica que o proxecto contratado polo anterior goberno do PP "infrinxe a Lei de Ordenación da Edificación e está asinado por un técnico que non ten competencias nesta materia" o que levou ao Colexio de Arquitectos a presentar unha denuncia. Engaden que as irregularidades detectadas en todo o procedemento xa levaran a empresa adxudicataria a renunciar á obra. Dende o Concello aseguran que o novo proxecto será unha realidade no 2020.


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentou, o pasado 27 de novembro no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, unha denuncia ao proxecto do Centro Cultural de Quintela, unha das actuacións do anterior goberno de Javier Bas.


Unha denuncia que se vén engadir a outros problemas en relación ao procedemento seguido en torno a esta infraestrutura, como o feito de que "o día 17 de xuño, data na que a obra, segundo o PP, debería estar iniciada, esta carecía da pertinente contratación de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde". Contrato tamén iniciado polo PP e que comprometía un pago de máis de 12.000 euros por un traballo de dirección de obra de 3 meses.


A alcaldesa Digna Rivas salienta que eran tal as irregularidades "que foi a propia empresa adxudicataria da obra a que advertiu da dubidosa execución da mesma ao detectar deficiencias na propia redacción do proxecto e a carencia de requisitos formais que a obrigaban a adquirir uns módulos de marca concreta en contra do indicado na lei de contratos". Segundo indica a propia empresa, miráronse na obriga de renunciar a realizar a obra debido as modificacións das condicións económicas impostas pola empresa subministradora e as presións marcadas por esta, ao que había que engadir o insuficiente prazo de execución das obras.


Todos estes motivos foron os que fixeron que o actual Goberno paralizase o procedemento de cara a "iniciar un novo proceso aberto e transparente, comezando pola modificación do proxecto inicial con fin de adaptalo as prescricións técnicas necesarias e cun novo financiamento".


O novo proxecto do centro social de Quintela, aseguran dende o goberno local, "será unha realidade o próximo ano 2020 grazas ao financiamento a través do Plan Concellos da anualidade 2020, posible trala renuncia á realización do proxecto de saneamento de Agrelo "outro proxecto contratado polo PP que ten que ser modificado para poder obter a autorización previa de Patrimonio".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: