www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 9 de Decembro de 2019

Recollidas preto de 1300 alegacións contra a apertura da casa de apostas de Redondela
Sociedade • 26/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Coordinadora contra a casa de apostas que está previsto abrir na rúa Ernestina Otero continúa coa campaña informativa e de recollida de alegacións co obxecto de sumar o maior número de apoios en contra deste negocio. Continuarán con estas campaña a pé de rúa ata que remate o prazo de presentación de alegacións o vindeiro xoves 28 de novembro e non descartan continuar con outras medidas fronte as distintas administracións. Manteñen tamén as concentracións que se celebran o primeiro luns de cada mes ás 18:00 horas ás portas do local que está a ser reformado para albergar este negocio.


Dende a Coordinadora contra a casa de apostas de Redondela celebran a participación da veciñanza no proceso de firmas de alegacións contra a casa de apostas. En tan só un par de semana recolleron preto de 1300 escritos de alegacións nas mesas a pé de rúa que se están a instalar en Redondela e Chapela.


Unha campaña informativa que "a pesar do mal tempo está a ter unha grande resposta, con moita xente interesada en se informar e asinar os escritros" motivo polo que decidiron prolongar esa iniciativa  "a información debe chegar a toda a veciñanza, esa casa de apostas non pode abrir fronte aos colexios".


Apunta un dos integrantes da coordinadora, Anxo Lusquiños, que "en xeral a xente está informada e preocupada porque se chegue a abrir este negocio" motivo polo que xa se achegan con intención de asinar as alegacións.


Entre os argumentos empregados nas alegacións salientan principalmente o feito de que se atope a menos de 150 metros do Conservatorio e a escola de música, pero tamén que promova unha actividade nociva para a saúde así como os prexuizos que vai conlevar esta instalacións para os veciños da zona.


Non descartan continuar con outras medidas fronte as distintas administracións unha vez rematado o período de exposición pública, o vindeiro 28 de novembro, e presentadas todas as alegacións.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: