www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 9 de Decembro de 2019

Cultura anuncia a reapertura do Meirande e o PP critica que leve semanas pechado
Cultura • 14/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Museo de interpretación da batalla reabrirá de forma estable a partir da vindeira semana, logo de que durante o último mes tan só o fixera de forma puntual para atender visitas organizadas. Un peche parcial que se debeu ao remate dos contratos do persoal procedente da Deputación que atendía estas instalacións. Dende o PP critican que o Museo permanecera pechado "sen avisar aos visitantes que se achegaban ata Rande e tiñan que marchar ao atoparse coas portas pechadas".


O Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, confirma que a partir da vindeira semana o Meirande reabrirá as súas portas de xeito permanente, o que permitirá aos veciños e visitantes achegarse a estas instalacións de martes a venres en horario de mañá, e os sábado e domingo en horario de mañá e tarde, permanecendo pechado o luns por descanso.


A reorganización do persoal municipal permitirá atender o Museo, que permanecía pechado para o público xeral dende o pasado 10 de outubro, cando remataran os seus contratos os traballadores que atendían este servizo "unha situación herdada do anterior goberno".


Precisamente dende o PP critican ese peche que "está a dar unha imaxe lamentable do museo, xa que tanto na entrada como na web, non hai ningún aviso de que está pechado polo que se produce confusión entre os visitantes que se achegan a Rande e teñen que marchar sen poder acceder as instalacións".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: