www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

A educación afectivo sexual chega aos centros escolares de Soutomaior co programa ImoloGhozar
Institucional • 8/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Soutomaior iniciou o  seu novo programa de educación afectivo-sexual. Unha iniciativa titulada ÍmoloGhozar coa que desde a Concellería de Igualdade se quere fomentar unha correcta educación sexual nos centros de ensino do municipio. O proxecto está dirixido a todo o alumnado desde 4º de primaria a 1º de bacharelato e terá unha duración dun mes.


O principal obxectivo é o inculcar aos máis novos valores de respecto, igualdade e diversidade dentro das súas relacións afectivas e sexuais. Para iso, até o 22 de novembro, os mozos e mozas realizarán diversas actividades nas que practicarán con roles de xénero, detección de condutas de abuso e agresión sexual. Ademais, abordarán conceptos como a sexualidade ao longo do ciclo vital dunha persoa, a igualdade e a equidade, os diversos mitos e crenzas sobre o sexo.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou a necesidade desta clase de iniciativas formativas para os mozos que "axudan a abordar desde a educación a solución para un dos grandes problemas da nosa sociedade, o machismo".


En total, o programa realizará case 60 horas de actividades no tres centros que participan nel. O IES Soutomaior, o CEIP PadínTruiteiro e a CPR Santiago Apóstolo. Todas as sesións están guiadas por psicólogos especializados apoiados polos titores dos alumnos para facilitar o contacto cos mozos e potenciar a experiencia.


Ao finalizar, os alumnos realizarán a súa propia guía Ímologhozar, na que recollerán todas as súas reflexións, experiencias e achegas para apoiar e mellorar o desenvolvemento de posteriores edicións do programa. Unha vez realizada, a guía porase a disposición da comunidade educativa para a súa utilización nas actividades habituais dos centros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: