www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

Os veciños aplauden a paralización da ampliación de Aucosa e esixen a súa retirada da ría
Sociedade • 5/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela paralizaba nas últimas horas as obras de ampliación que a empresa Aucosa estaba a realizar na súa factoría de Punta Chapelisa no litoral de Cabanas. As obras foron precintadas como consecuencia de varias denuncias dos veciños así como da propia Plataforma en defensa da Enseada de San Simón. Malia estaren satisfeitos por ter logrado que se parase dita ampliación, o presidente da Plataforma lembra que hai unha sentencia firme que establece que a actividade que desenvolve esta factoría é incompatible co planeamento urbanístico de Redondela polo que esixen o seu traslado a un polígono industrial.


As obras agora paralizadas consistían na ampliación da nave actual para aloxar novas instalacións frigoríficas, caldeiras de vapor con montaxe de gas natural e instalación de paneis solares para enerxía de outros usos. Tamén estaba previsto equipar con nova maquinaria todas as etapas do proceso produtivo na liña de fabricación de fariña de peixe.


O motivo da paralización e precintado do proxecto débese a que a súa execución, executada nunha parcela colidante coa Rede Natura 2000, non conta con todas as autorizacións pertinentes e, sobre todo, non dispón de licenza urbanística.


Neste sentido, dende a plataforma esíxenlle ao concello a aplicación rigorosa da normativa municipal pero, sobre todo, "o traslado ordenado de Aucosa a un polígono industrial axeitado porque a súa ubicación actual non é compatible urbanisticamente co planeamento vixente en Redondela, toda vez que na zona soamente está permitido o establecemento de industrias limpas" cando Aucosa é "unha empresa altamente contaminante que ademais dos cheiros insoportables que emite verte á ría 15.000 m3 de augas contaminadas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: