www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

Cancelan a festa de Samaín na Illa de San Simón
Sociedade • 31/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A polémica celebración que se ía celebrar na noite deste 31 de outubro en San Simón foi cancelada, segundo a empresa Nabia, organizadora do evento, polo mal tempo que se prevé de cara ás vindeiras horas. Dende a Iniciativa galega pola memoria, que dende o primeiro momento amosara a súa indignación por esta convocatoria que ao seu entender supuña unha "burla ás vítimas", o motivo detrás da cancelación estaría na "marea de indignación" que causou a proposta.


As precipitacións e o mal tempo que se espera de cara ás vindeiras horas son, segundo a organizadora, o único motivo da cancelación da festa de Samaín que a navieira Nabia organizara e publicitara para esa noite na illa de San Simón e que contaba coa autorización da Xunta. Unha celebración que levantou desde o seu anuncio unha treboada de indignación nas asociacións da memoria e nos familiares dos asasinados e presos que pasaron pola cárcere de San Simón entre os anos 1936 e 1943.


Uns colectivos que puxeran en marcha unha iniciativa que convidaba a todas aquelas persoas que se sentiran ofendidas por esta convocatoria a enviar correos ao Conselleiro de Cultura reclamando que se suspendera o evento por consideralo "unha profanación dun espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo sufrimento, dor e terror", e por supoñer "unha indecente e insultante banalización do mal".


Finalmente a festa non se fará pero dende a empresa insisten en que a suspensión débese "unicamente" ás malas condicións meteorolóxicas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: