www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

Familiares das vítimas de San Simón rexeitan que a Illa se converta "nun parque de atraccións"
Política • 30/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Nun acto celebrado este martes no peirao de San Adrián de Cobre os familiares dos presos que pasaron pola Illa de San Simón amosaron o seu rexeitamento a que se celebre neste lugar a festa de Samaín organizada pola empresa Nabia coa autorización da Xunta. Esixen que se respecte a memoria dos seus antepasados e se "deixen de celebrar ginkanas e festas na illa". Anuncian que máis alá do que ocorra o xoves, seguirán traballando para conseguir a denominación de San Simón como Illa da memoria e por un Plan de usos do espazo que evite actividades que sexan ofensivas para as vítimas do franquismo e as súas familias".


 "Cuando seáis mayores y hagáis una visita a esta isla, no como yo la he hecho, a la fuerza y con las manos atadas, sino en plena libertad, recordad que allí ha estado vuestro padre. Que cada rincón de la isla es un recuerdo mío". Este foi un dos fragmentos da carta que José Mejuto, fusilado polos franquistas, escribiu á súa familia desde o cárcere de San Simón e que a súa neta, Ana Paula Mejuto, mandou desde Arxentina para que fose lido no acto que familias e colectivos da memoria celebraron na tarde deste martes no porto de San Adrián de Cobres. Reuníronse alí para pedirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que impida que "na illa que foi lugar de tortura para os nosos antepasados", se celebre este xoves unha festa de Samaín, cualificada no acto como "unha indecente e insultante banalización do mal".


Un acto no que quedou patente o total rexeitamento dos colectivos de memoria galegos e as familias cara a unha celebración que consideran "unha profanación dun espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo sufrimento, dor e terror e que agora é utilizado como escenario para unha frívola festa de disfraces que se publicita, nunha sorte de mofa, como unha experiencia divertida de medo e terror." Considera o colectivo que a illa, calificada como BIC; foi convertida nos últimos tempos "nun parque de atraccións explotado por empresas privadas para facer negocio. Un espazo no que ten cabida todo tipo de actividades menos, xustamente, as de memoria histórica".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: