www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

Concerto de Antonio Queija para pechar o I Ciclo de piano de Redondela
Cultura • 24/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Chega ao seu remate o ciclo de piano organizado polo Concello de Redondela co obxecto de poñer en valor o novo instrumento adquirido polo consistorio así como dar a coñecer a composición pianística galega. Será con dúas citas musicais, a primeira unha master class que Paula Ríos ofrecerá neste venres no Conservatorio Víctor Ureña e xa o sábado, clausurará o programa a actuación do cubano Antonio Queija cun concerto no Multiúsos ás 19:30 horas.


Unha iniciativa que parte dende o Servizo de Normalización Lingúística e que busca dar a coñecer aos grandes compositores da música galega, "non sempre ben coñecidos nin debidamente recoñecidos polo público de Galicia".


Neste sentido, a figura que inaugurará esta primeira edición é Marcial del Adalid, un dos pioneiros na introdución do romanticismo musical en Galicia e no resto de España.


Dentro das actividades programadas, este venres 25 de outubro o alumnado do conservatorio poderá gozar dun concerto da pianista Paula Ríos, presentada por Carolina Queipo. Centrará o seu repertorio en Adalid, Bellini, Clara Wieck-Schumann e Fanny Mendelssohn.


O sábado e aberto a todo o público que queira achegarse Antonio Queija ofrecerá un concerto ás 19:30 horas. Unha actuación presentada por Margarita Viso na que o cubano de orixe galega,  presentará un repertorio con pezas de Xoán Montes, Pascual Veiga, Baldomir e do propio Adalid.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: