www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Decembro de 2019

Abre o período de alegacións contra a apertura do local de apostas en Redondela
Sociedade • 23/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello acorda a apertura dun período de información pública sobre a apertura dun salón recreativo e de xogo que se prevé instalar na rúa Ernestina Otero. Todas as persoas físicas ou xurídicas que así o desexen poderán examinar o expediente e formular as suxestións, observacións ou alegacións que estimen oportunas. O prazo de exposición será de 20 días hábiles a partir do momento da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.


A alcaldesa Digna Rivas adoptou a decisión en base á lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia no que fai referencia "á concorrencia de razóns de orde pública, seguridade pública, saúde pública e protección do medio ambiente, sinala que será precisa a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica para o suposto da apertura de establecementos abertos ao público [...] ou que presenten unha especial situación de risco..."


Considera o Concello que a apertura do local en cuestión concorre con estes preceptos "por cando a actividade de xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesarias unha intervención por parte da Administración". Sinala Rivas que é preciso establecer "mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas participantes nos xogos e que garantan a protección das persoas menores de idade".


O período de exposición pública permite que a veciñanza poida examinar o expediente "e formular todas aquelas suxestións, observacións ou alegacións que consideren oportunas".


O Concello, sinalo a Alcaldesa, "independentemente da opinión que sobre a apertura deste tipo de establecementos teña cada quen a título particular, non ten máis ferramenta que aplicación da legalidade" e engade que "unha administración non ten medio de impedir a apertura deste tipo de establecementos unha vez que teñan cumpridos todos os trámites establecidos pola lexislación vixente".


En todo caso, Digna Rivas amosa a súa coincidencia con outros moitos concello que piden á Xunta de Galicia que é a que ten competencias nesta materia, "un cambio máis que necesario na regulamentación deste tipo de establecementos" como a creación de "zonas de exclusión", de tal xeito que a Administración Autonómica regule, de xeito claro, a prohibición de establecer este tipo de locais en zonas escolares, lugares de reunión da mocidade ou lugares de paso frecuentes de menores de idade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: