www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

O cemiterio do Viso acolle unha iniciativa a prol do uso do galego nos actos vinculados á morte
Sociedade • 22/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O acto está enmarcado nas actividades que organiza o Concello de Redondela co gallo do Día da Restauración da Memoria histórica e terá lugar o domingo 27 ás 13:00 horas no cemiterio do Viso. Consistirá nunha sinatura de vontades pola cal os participantes expresarán o seu desexo de seren lembrados para sempre na lingua da nosa terra. A continuación descubrirase unha placa na honra dos que nos legaron a cultura e idioma de Galicia.


Iniciativas coma esta xorden logo de comprobar que a día de hoxe os camposantos galegos, onde a inmensa maioría dos defuntos falaron galego, teñen as súas lápidas escritas en castelán, ao que hai que engadir o feito de que as necrolóxicas se fagan tamén en castelán e os actos civís/relixiosos sexan realizados neste idioma.


Unha anomalía lingüística que compre corrixir ao entender do Servizo de Normalización Lingüística, que organiza esta iniciativa por terceiro ano consecutivo co obxecto de animar a veciñanza a manifestar por escrito a súa vontade de que todos estes actos vinculados coa morte sexan en lingua galega.


Unha iniciativa promovida pola Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística coa cal se pretende fomentar o uso do galego nos actos referidos á morte e á lembranza eterna de nós mesmos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: