www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

Mario Regueira gaña a III edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey cun artigo sobre os "riders"
Cultura • 21/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O crítico literario ferrolán Mario Regueira gañou o III Premio de Xornalismo "Manuel Lueiro Rey", que convoca o Concello de Fornelos de Montes en honra ao escritor fornelense (1916-1990).O xurado acordou por unanimidade conceder este premio ao artigo titulado "Matar ou recadeiro", presentado baixo a lema "Donicela" e que versa sobre as duras condicións de traballo dos riders, mozos que reparten pedidos online nas cidades.


"Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme  mochila  ás  costas.  Nela,  estampado,  o  nome  dun  servizo  de delivery,  outro estranxeirismo que evidencia  como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida". Así arranca este artigo que vén de facerse merecedor do premio Lueiro Rey de Xornalismo na súa terceira edición.


O fallo do xurado destaca que este texto "pivota arredor dos criterios de denuncia social e da reivindicación, consonte a temática de moitos dúas artigos que Lueiro Rei publicou".


O premio entregarase nun acto en Fornelos en novembro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: