www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

Xurxo Constela, ARPE: "Hai que dar a batalla para frear o derrube do cargadeiro Coto Wagner"
Cultura • 16/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación Rande Patrimonio Europeo (ARPE) embarcada na loita por defender o patrimonio cultural e industrial existente no estreito de Rande, ten en marcha unha recollida de sinaturas en change.org en resposta ao interese da Autoridade Portuaria de demoler esta infraestrutura alegando que o seu mal estado ameaza ruína. Un argumento que o presidente da asoicación rexeita “o que hai que facer é proceder á súa restauración”. Insiste en que a última palabra neste asunto é da Dirección Xeral de patrimonio xa que se trata dun ben protexido. Baixo o título “S.O.S. Rande” falarase deste e doutros asuntos nunha charla coloquio que terá lugar este venres 18 ás 19:30 horas no Museo do Mar en Vigo e na que tamén intervirá Ramón Patiño do Instituto de Estudios Vigueses.


Falarase das investigacións existentes sobre os pecios afundidos no estreito de Rande e que forman parte dese patrimonio agochado no fondo dos mares, pero tamén do resto do patrimonio da zona, como o Castelo de Rande, a Fábrica do Alemán e, sobre todo, polo prrotagonismo que ten cobrado nas últimas semanas logo de que a Autoridade Portuaria anunciara a súa intención de derrubalo, do cargadeiro Coto Wagner.


Inventariado como patrimonio industrial pola propia Xunta de Galicia, entende Constela que os argumentos esgrimidos polo organismo portuario "alegando o mal estado no que se atopa o cargadoiro e que corre risco de ruína" non son xustificación suficiente como para permitir a súa demolición. "A autoridade Portuaria ten uns intereses nese espazo, pero aínda hai moito percorrido por diante e moito ten que dicir tanto o concello de Redondela como a Xunta" polo que confía en que o anuncio de Portos quede nun brinde ao sol.


Lembra neste sentido que  "hai uns anos íase desmantelar o viaduto Madrid porque estaba en mal estado pero finalmente volveu a cordura e o que se fixo foi rehabilitalo". Confía que este elemento do patrimonio industrial de Rande sega o mesmo camiño "un elemento que forma parte da nosa historia e da nosa cultura que pode converterse nunha fonte de recursos económicos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: