www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

Zona Franca valora abrir un Centro de Emprendemento e Innovación Social en Redondela
Política • 14/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Nun encontro mantido entre a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o delegado de Zona Franca, David Regades, analizáronse as posibles vías de colaboración para poñer en marcha accións que favorezan o desenvolvemento económico da comarca. Entre outros temas estudaron diferentes localizacións onde poder abrir un Centro de Emprendemento e Innnovación Social, un espazo no que emprendedoras e emprendedores atopen apoio administrativo e de xestión e poidan resolver as dúbidas iniciais cando se embarcan na posta en marcha dun negocio.


A Alcaldesa quixo agradecer ao delegado de Zona Franca a súa visita ao Concello, primeira oficial desde que esta tomou posesión do seu cargo. "A Zona Franca é unha ferramenta para o desenvolvemento económico de Vigo e a súa área de influencia, por iso, grazas ao compromiso que hoxe nos manifestou David Regades, tamén poñerá os seus recursos e coñecementos ao servizo de Redondela" manifestou Rivas.


Concretamente, os dous responsables aproveitaron este encontro para tratar temas de desenvolvemento económico e a favor do emprendemento. Neste sentido, Rivas e Regades estudaron diferentes localizacións onde poder abrir un Centro de Emprendemento e Innnovación Social. Un espazo para o intercambio de ideas, onde as emprendedoras e emprendedores atopen apoio administrativo e de xestión e onde poidan resolver as dúbidas iniciais cando un embárcase na posta en marcha dun negocio.


Regades, pola súa banda, afirmou que "a Zona Franca non pode estar de costas a Redondela xa que este Concello forma parte do Gran Vigo polo que debemos de poñer todos os recursos que podamos para que a economía deste Concello siga crecendo".


Na reunión ambos dirixentes tamén aproveitaron para analizar as diferentes ferramentas das que dispón a Zona Franca, como poden ser as aceleradoras de empresas ViaGalicia e VíaExterior, a sociedade de capital-risco Vigo Activo ou o servizo de información económica ARDÁN.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: