www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 6 de Decembro de 2019

Necesitamos darlle visibilidade ao suicidio para axudar as persoas en situación de risco
Sociedade • 10/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

"É preciso falar do suicidio, porque é unha realidade que se mantén oculta, que segue sendo tabú, malia que cada ano se cobra a vida de centos de persoas en Galicia". Así o entenden na Asociación Lenda que neste 10 de outubro, data na que a prevención do suicidio centra os actos do Día Mundial da Saúde Mental, fan un chamamento a acabar cos mitos que xiran en torno ao suicidio. Falamos coa psicóloga e directora do centro ocupacional, Maica Álvarez e con Jaime Figueroa, membro da Xunta directiva de Lenda.


O Día 10 de outubro é a data na que se conmemora o Día Mundial da Saúde Mental, unha oportunidade para concienciar e mobilizar á poboación en cuestións relativas a saúde mental e que, nesta edición, está centrado na prevención do suicidio. "Faltan datos, faltan protocolos e faltan medidas de actuación para evitar as centos de mortes que cada ano se producen en Galicia por suicidio". Dende a Asociación Lenda puxeron en marcha unha campaña a través das redes que busca concienciar e alertar sobre os mitos que rodean a esta traxedia que non respecta idades e que está moi presente tamén no día a día en Redondela.


As cifras que manexa o Instituto galego de Estatística fala de que no ano 2016 suicidáronse en Galicia 341 persoas. Con todo, este dato podería estar moi afastado da realidade xa que a día de hoxe o suicidio segue a ser tabú, a ocultarse, é un feito do que non se fala e en torno ao cal hai moito mitos que é preciso derrubar para poder axudar a todas esas persoas con risco suicida.


"Falar sobre suicidio pode incitar a cometelo", "quen o di non o fai e quen o fai non o di", "a maioría dos suicidios suceden sen advertencia previa"... estas son tan só algunhas das afirmacións falsas que rodean este mal que deixa un regueiro de vítimas cada día en todo o estado.


Entenden en Lenda que o primeiro que hai que facer é visibilizar, falar do suicidio "de xeito responsable e respectuoso" porque é unha conduta que pode previrse pero para iso hai que estar atentos, saber que se pode actuar e aprender a pedir axuda tamén por parte de aqueles que detecten na súa contorna a algunha persoas que presente unha conduta de risco.


E, por suposto, acudir a profesionais. Neste sentido tenden a man "Lenda está aberta a todas aquelas persoas que queiran facer calquera consulta sobre o tema".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: