www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 11 de Novembro de 2019

Información en compostaxe caseira e reparto de plantas na carpa Revitaliza en Redondela
Sociedade • 9/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación chegan mañá a Redondela dentro da xira informativa sobre a compostaxe que os está a levar por distintos municipios da provincia. A carpa do proxecto Revitaliza instalarase nas inmediacións do Concello en horario de 10:00 a 13:00 horas para que todas as persoas interesadas poidan informarse e mesmo tamén apuntarse para poder dispor dun composteiro individual co que transformar o lixo orgánico en compost.


Os veciños tamén poderán recoller no punto informativo do plan Revitaliza mostras de compost e unha planta aromática ou ornamental, así como diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar no fogar sexa aínda máis sinxelo (guías, imáns, bolsas).


Este evento promovido pola Deputación pretende completar as xornadas informativas sobre compostaxe que estes días está a realizar o persoal técnico provincial en colaboración co Concello no Multiusos da Xunqueira. Até o momento xa se celebraron varias reunións sobre como realizar compostaxe doméstica cun composteiro individual nas casas particulares que dispoñan de horta. O último encontro será este xoves 10 ás 11.00 horas no mesmo multiusos.


Todas as persoas que non poidan asistir a estas reunións e estean interesadas na compostaxe poden achegarse tamén mañá entre as 10.00 e as 13.00 horas á carpa de Revitaliza. Alí o persoal responderá a todas as súas dúbidas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: